martes, 17 de novembro de 2015

SEGUIMOS CO MAGOSTO....

Os nenos/as de 4º escribimos sobre o MAGOSTO:
A FESTA DO MAGOSTO
No magosto fixemos xogos, a min gustoume moito o número doce e o que menos me gustou foi o once porque unha nena caeu e tivo que irse para casa. A nena chámase Andrea.
Comín moitas castañas, estaban boísimas, algunhas estaban moi quentiñas.
Gustaríame que Andrea se poña ben canto antes. Tamén me gustaría que Andrea non se caera e que non rompera o pé.
Todo o demais gustoume moito, non querería cambiar nada.
AINHOA ESPIÑEIRA (4ºB)

ANDREA ROMPEU UN PÉ
O venres no noso colexio celebramos o magosto. Como sabedes houbo xogos populares, tanto para os pequenos como para os maiores. No xogo da carreira de sacos unha compañeira da nosa clase, Andrea Ugarte, caeu enriba dun pé. Doíalle moito, a profesora chamou  a súa nai e tivo que marchar ao médico. O luns a profesora Flor díxonos que Andrea rompera o pé e que durante cinco dias non viría ao colexio porque non podía apoiar o pé. Esperemos que se poña ben. A pobre Andrea vai estar triste e aburrida na casa sen estar coas compañeiras. Recupérate pronto Andrea!
DIEYNABA DIENG (4ºB)

A FESTA DO MAGOSTO
O venres pasado na festa do magosto había dezasete xogos e algúns rapaces non o pasaron moi ben e iso que estabamos moi emocionados cando empezamos no catorce, creo que era o de pasarnos cunha culler unha castaña, logo fomos para o número quince e así sucesivamente cos demais xogos. Cando chegamos ao número once, a carreira de sacos, unha compañeira que se chama Andrea caeu enriba dun pé, fíxose dano e non paraba de chorar.
A mín o xogo que máis me gustou foi o de coller o pano e numerar aos compañeiros e o que menos o da carretilla porque cain. Por último  comemos castañas moi quentiñas que estaban moi boas.
KATRINA FIGUEROA (4ºB)

O NOSO MAGOSTO E O ACCIDENTE DE ANDREA
O venres trece de novembro foi o magosto no noso colexio.Todos os cursos participamos nos xogos populares. Nun xogo, a carreira de sacos, a miña compañeira Andrea caeu e torceu un pé. Andrea púxose a chorar e a levamos arriba onde se encontraba Mariel.Chamaron a súa nai que a ven a buscar. Non pode vir ao cole durante cinco días. Dieynaba ten que levarlle os libros e libretas á casa de Andrea, a súa nai non pode porque está embarazada. Paréceme moi ben que Dieynaba axude a Andrea e a súa nai.
Despois que Andrea se fose o venres, nós comemos as castañas.
LUCÍA A. HERNÁNDEZ (4ºB)



xoves, 12 de novembro de 2015

Seguimos co magosto

ADIVIÑAS




Alto estou
cor de ouro teño
e por unha risotada
perdo o que teño

(ourizo)






                             


Unha cousa que vive na devesa
e vaille pica-lo cu á artesa
(a castaña)





"Unha cousiña cousa, criada no monte, enxoita na casa e cómese sen tasa"

"Son verde e non son limón, son moura e non son carbón, son vermella e non son sangue, son branca e non son papel, ¿que cousa cousiña son?"

"Eu nacín dentro dun berzo, onde ninguén tocar ousaba: quen puña a mau non tornaba... Entre cidades e cortes me desexan ver crescida, e as mulleres preguizosas comigo gañan avida"

"¿Cal é a cousa, cal é ela, ten tres capas de inverno: a primeira mete medo, a segunda é lustrosa a terceira é amargosa?"


Alto me vexo
no meu capalexo
e por unha risada
quedei sen nada
(ourizo)
Alto vivo,
mírame a xente
e se me río
quedo sen dente
(ourizo)



CONTOS DE NUNCA ACABAR

- Queres que che conte o conto de Mª Castaña?
- Si
- Eu non digo si. Digo se queres que che conte o conto de Mª Castaña

CANTIGAS


"As castañas son castañas, os ourizos son ourizos;
os ollos da túa cara, para min son dous feitizos"

"Canta a rula, canta a rula, canta a rula naquel souto; 
Probiño daquel que espera polo que está na man doutro"

"Esta aldeíña de Cambre, moito viva que na honra, de mañá, por entre o souto, en busca de boa sombra"

"¡Dáseme tanto por ti, como si nunca te vira!
¡encólgate nun castaño coas pernas para riba!

"A aldea de Palavea, de lonxe parece vila
ten corredoira na entrada, e un souto sin salida."

"Acabáronse as vendimas ahí veñen as esfolladas
para comer coas nenas catro castañas asadas"

"Has de cantar que che ei de dar zonchos, has de cantar que che ei de dar moitos;
has de cantar e has de cantar, has de cantar que chos hei de dar."

"Teño un castiñeiro alto, no tronco ten mil enredos,
tampouco os enamorados poden te-los ollos quedos."

"Santo que estás no canizo
bota castañas embaixo
que anque non teño mandil,
apáñochas co refaixo." 



RECEITA


Tarta de castañas e chocolate


Ingredientes



100 ml de leite
100 g de manteiga
250 g de castañas peladas
3 ovos
2 cdas. de azucre
75 g de azucre
150 g de chocolate negro
2 cdas. de cacao en pó


    Preparación

Paso 1
Ferve o leite coas castañas e o azucre uns 5 min. Coa axuda dun garfo, aplasta as castañas unha vez fervidas.

Paso 2
Derrete o chocolate e a manteiga no microondas. Bate os ovos cos 75 g de azucre ata que doblen o seu volume.



Paso 3
Incorpora os ovos as castañas e a mestura de chocolate e manteiga e revolve.



Paso 4
Bota nun molde de tarta engrasado cun pouco de manteiga e o cacao en pó na mestura anterior. Coce no forno a 180 ºC uns 30 min. Enfría, desmolda e decora espolvoreando un pouco máis de cacao por enriba. Xa podes servir a tarta


mércores, 11 de novembro de 2015

martes, 10 de novembro de 2015

BENVIDOS!!! ao noso blog.

Estamos en tempo de castañas. Esta semana os nenos e nenas de 4ºB ímonos mergullar no MAGOSTO.